Premios Incuvi

  • Publicado el 29/10/2020
Premios Incuvi

Incuvi EmprendeIncuvi Avanza e agora tamén Incuvi Consolida. A Universidade de Vigo amplía este curso as axudas Incuvi ao emprendemento cunha terceira modalidade pensada para que aquelas iniciativas empresariais xa constituídas e que pasaron polo programa Avanza poidan seguir recibindo mentorización específica e unha axuda económica que lle faga máis levadeiros os gastos de xestión derivados da súa actividade como entidade xurídica consolidada.

Á posta en marcha de Incuvi Consolida súmanse outras novidades relacionadas con Incuvi Emprende e Incuvi Avanza, “que agora se abren á participación tanto de estudantes de outras universidades como a PDI e PAS da Universidade de Vigo, sempre que a persoa que lidera a idea sexa un estudante ou recén egresado da UVigo e que as persoas externas non superen o 50% dos membros dos equipos emprendedores solicitantes”, explica Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, quen fai fincapé en que con todas estas novidades a Universidade reforza os programas estrela cos que a institución académica viguesa quere fomentar entre o alumnado e as persoas recén tituladas a innovación, a competitividade e o emprendemento empresarial.

As axudas Incuvi-Consolida poden solicitarse ata o 6 de novembro

As novas axudas Incuvi-Consolida buscan contribuír á consolidación de proxectos emprendedores viables, nacidos ou desenvolvidos total ou parcialmente na Universidade de Vigo e promovidos por persoas recentemente tituladas co fin de que as persoas beneficiarias poidan seguir madurando e desenvolvendo o seu proxecto emprendedor. Nesta primeira edición convócase unha axuda que inclúe, por unha banda, asesoramento en forma de mentorización ao longo dun período comprendido entre seis e dez meses -desde febreiro ata novembro de 2021- e, pola outra, unha axuda económica máxima de 500 euros para facer fronte a custes derivados da consolidación do proxecto.

Esta axuda diríxese exclusivamente a aquelas persoas ou proxectos emprendedores que se beneficiasen dun galardón na IV edición dos premios Incuvi Avanza e só poderán presentar o proxecto desenvolvido durante a súa participación neste programa.

IX edición das axudas Incuvi-Emprende...

No caso dos premios Incuvi Emprende, que acadan xa a súa novena edición e aos que se dedicarán un máximo de 12.000 euros, o número máximo de proxectos seleccionados volverá ser 12 e, como é habitual, poderán desenvolverse en calquera dos tres campus da Universidade de Vigo e abranguer todos os ámbitos do coñecemento: tecnolóxico, científico, xurídico-social e humanidades. Poden presentarse tanto o alumnado matriculado en estudos de grao e máster como persoas recén tituladas da UVigo –curso 2017/2018 ou posteriores- ou incluso doutra universidade española, sempre e cando non superen o 50% dos membros do equipo e, por primeira vez, poderán participar tamén nos equipos emprendedores PDI e PAS con titulación universitaria da UVigo, se ben en ningún caso constarán como titulares da axuda.

“Tal e como dita a convocatoria o obxectivo destes premios é o fomento do espírito emprendedor. Non obstante, se ben ao longo do período de incubación os emprendedores traballaron o seu modelo de negocio, ata agora non se puxo o foco nas competencias para emprender”, apunta a responsable da Área de Emprego, quen explica que nesta nova edición se quere cambiar esta tendencia e comezar a traballar as competencias que poden axudar aos emprendedores universitarios á hora de emprender, tales como a  busca de oportunidades, a persistencia ou o cumprimento de compromisos, entre outras.

... e V de Incuvi Avanza

Dirixidos á fase de consolidación  de proxectos emprendedores viables, os premios Incuvi Avanza, que este ano acadan a súa quinta edición, ofrecen un total de catro axudas divididas en dúas modalidades: unha para aquelas persoas ou equipos emprendedores que fosen beneficiarios dun premio na VIII edición da convocatoria INCUVI-Emprende e desexen continuar coa maduración da idea, e outra para persoas ou equipos que, sen seren beneficiarios dun premio da convocatoria de Incuvi-Emprende, teñan unha idea que xa posúa un modelo de negocio.

Estes galardóns ofrecen unha dobre axuda: por unha banda, unha achega económica máxima de 1000 euros por proxecto para facer fronte aos custos de prototipación ou demo dun produto ou servizo que forme parte da iniciativa emprendedora e, pola outra, formación e mentorización, que poderá recibirse tanto de xeito presencial como en liña. Polo que ser refire á formación, irá dirixida a validación dos seus modelos de negocio, prototipación e marketing ao longo dos seis primeiros meses do programa –de xaneiro a xuño- e, en mentorización, contarán cun equipo de mentores/as que os asesorarán ao longo dun período comprendido entre seis e dez meses (febreiro-novembro 2021).

Solicitudes Incuvi Emprende e Incuvi Avanza ata o 30 de outubro

As persoas interesadas en participar en calquera destas convocatorias poden contar co apoio e co asesoramento da Área de Emprego e Emprendemento para solucionar as posibles dúbidas relacionadas coa presentación da solicitude. O prazo de presentación para as axudas Incuvi Emprende e Incuvi Avanza será en ambos casos ata o 30 de outubro de 2020 ás 23:59 horas.

Últimas noticias

Twiter feeds

Boletín

Suscribete a nuestro boletín, y enterate de todas las novedades

Nuestros colaboradores